Empregamos cookies de terceiros para mellorar os nosos servizos. Se continuas navegando aceptas o seu uso.

   Más Intormación - Aceptar.


DE VIÑOS POLA RIBEIRA SACRA

Por algún motivo no se a completado la carga del separador, pincha el botón recargar para intentarlo de nuevo.

Recargar

A Ruta do Viño da Ribeira Sacra esténdese entre as provincias de Ourense e Lugo, marcando o seu límite natural o propio leito do río Sil, que nuns poucos quilómetros irá acompañado tamén polo seu eterno compañeiro, o Miño. Todos os concellos da ruta están distribuídos entre cinco subzonas de produción: Amandi, Chantada, Quiroga-Bibei, Ribeiras do Miño e Ribeiras do Sil; un extenso territorio no que o tempo se para para facerche gozar dunha terra que comparte a súa beleza paisaxística coa maxia dun rico patrimonio monumental de corte monacal. Terra marcada pola confluencia dos ríos Miño e Sil, cuxos surcos van marcando encaixados canóns de maxestosa beleza, que chegan a alcanzar no seu punto máximo ata os 500 metros de profundidade. Aquí, o noso itinerario vainos introducindo nunha experiencia chea de aventura. Ladeiras escarpadas ao carón da nosa estrada, canóns vertixinosos ao outro, e na súa paisaxe viñedos e soutos de castiñeiros se intercalan nun eterno entendemento, sendo de aquí en diante os nosos fieis compañeiros de viaxe. Pero, se espectacular é o noso traxecto por estrada, aínda pode selo máis por auga. Alguén cualificou estes canóns como os mares interiores de Galicia e tanto o Sil como o Miño posúen cursos fluviais navegables en catamarán. Dende a auga podemos divisar a paisaxe de bancais, nos que as vides loitan por gañar terra á montaña. Mostras dunha paisaxe humanizada na que o esforzo humano e a paixón pola terra marcan a súa pegada. O traballo da viña na Ribeira Sacra é identificado e coñecido como “viticultura heroica” polo esforzo e tempo que supón poñer en produción vitivinícola o terreo.

Este esforzo “heroico” tradúcese no seus viños. Os brancos son afroitados e cun fino toque de acidez, cun lixeiro retrogusto e delicada presenza no padal. Os tintos destacan polo seus aromas limpos, elegantes e intensos, e a súa cor cereixa brillante con ribetes púrpura. Equilibrados e ben estruturados, resultan uns viños redondos e amplos en boca.

E ADEMAIS DOS VIÑOS, PODES ACHEGARTE A

  • O canón do río Sil e os seus miradoiros
  • O mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil, convertido en Parador de Turismo
  • O mosteiro escavado de San Pedro de Rochas, un dos máis antigos de Galicia
  • O núcleo alfareiro de Niñodaguia
  • O mosteiro de Santa María de Xunqueira de Espadanedo, de orixe románica
  • O mosteiro co templo de arte herreriana de Montederramo
  • O mosteiro románico de Santa Cristina de Ribas de Sil e o souto que o rodea
  • O castelo de Castro Caldelas
  • Montefurado, o túnel escavado na montaña polos romanos para extraer ouro
  • O Monforte de Lemos medieval e o seu Centro do Viño
  • As igrexas de San Fiz de Cangas, San Miguel de Eiré, Santo Estevo de Atán ou San Vicenzo de Pombeiro
  • O mosteiro cisterciense das Bernardas de Ferreira de Pantón
  • As rúas asoportaladas de Chantada
  • A igrexa de Santa María de Pesqueira, ubicada nun entorno máxico
  • As igrexas románicas de Santo Estevo de Ribas de Miño e San Paio de Diomondi
  • San Martiño da Cova e a vista sobre o Cabo do Mundo

 

 

 Copyright: Xunta de Galicia · Desenvolvemento: triwus.com