Empregamos cookies de terceiros para mellorar os nosos servizos. Se continuas navegando aceptas o seu uso.

   Más Intormación - Aceptar.


DE VIÑOS POR VALDEORRAS

Por algún motivo no se a completado la carga del separador, pincha el botón recargar para intentarlo de nuevo.

Recargar

A Ruta do Viño de Valdeorras sitúase na parte nororiental da provincia de Ourense, onde o río Sil nos acompañará durante algúns tramos do noso camiño ata penetrar no corazón de Valdeorras, conducíndonos ata un profundo val que vai modelando ao seu paso. Val acolledor, de terra vermella e arxilosa, terra aurífera que as colonias romanas furaron séculos atrás para extraer ese metal tan prezado que é o ouro, e que hoxe nos ofrece, dende o máis profundo das súas entrañas, esas covas nas que as súas adegas achegan a temperatura necesaria para o coidado dos seus viños. Na nosa viaxe polo val, as modernas vilas concéntranse ao redor das vías principais, dispersándose o poboamento cara ás montañas onde, a modo de pequenos acios, os antigos núcleos rurais manteñen na súa máis pura esencia a arquitectura tradicional. Aquí é a lousa a protagonista do territorio humanizado que, tanto nos muros como nos tellados, achegan á paisaxe un contraste cromático e lendario, salpicado de neve nos brancos invernos; unha paisaxe que só nesta comarca galega poderemos ver. Terra de cultura milenaria, cruzada de leste a oeste pola Vía Nova, calzada romana nº XVIV no «Itinerario de Antonino», que naqueles tempos comunicaba Astorga coa actual cidade portuguesa de Braga. Un territorio que constituíu durante o Imperio Romano un centro importante de explotación de ouro; actividade que combinaron coa plantación das cepas de uva e mesmo coa construción de lagares. Se programades a vosa viaxe durante o verán, seravos grata a participación na «Festa das Covas», que se celebra durante o primeiro sábado de agosto; unha festa popular na que as xentes de Valdeorras abren as súas adegas-cova aos visitantes compartindo con eles os seus viños. Tamén paga a pena achegarse as covas de Seadur e O Castro, que celebran as súas “festas das Covas” durante a Semana Santa e e xuño respectivamente.

Os viños brancos de Valdeorras son intensos en aromas frutais e florais, moi ben estruturados en boca. Os tintos destacan pola súa cor púrpura, de elegantes aromas a froitos e cunha doce carnosidade.

E ADEMAIS DOS VIÑOS, PODES ACHEGARTE A

  • A ponte romana sobre o río Bibei
  • Os codos de Larouco, revoltas da estrada seguindo o trazado da antiga vía romana XVIV
  • O Santuario barroco das Ermidas
  • A Torre do homenaxe do  Bolo
  • A ponte da Cigarrosa , de orixe romana
  • As adegas-cova de Vilamartín de Valdeorras
  • O Parque Natural da Serra da Enciña da Lastra
  • O Teixadal de Casaio
  • Os miradoiros da Falcoeira ou o dos Penedos de Oulego

 

 

 

 Copyright: Xunta de Galicia · Desenvolvemento: triwus.com